India: A condena a cadea perpetua do doutor Binayak Sen, unha burla á xustiza.
Índice AI: PRE01/432/2010
A cadea perpetua imposta ao doutor Binayak Sen por un tribunal do estado indio de Chhattisgarh vulnera as normas internacionais de imparcialidade procesual e é probable que exacerbe as tensións nunha zona afectada por conflitos, declarou hoxe Amnistía Internacional.
"A cadea perpetua é unha pena excepcionalmente dura para calquera persoa, máis aínda para un defensor dos dereitos humanos recoñecido internacionalmente que nunca foi acusado de ningún acto de violencia -declarou Sam Zarifi, director do Programa para Asia e Oceanía de Amnistía Internacional-. As autoridades estatais e federais da India deben retirar estes cargos formulados por motivos políticos contra o doutor Sen e poñelo en liberdade. "
O doutor Binayak Sen foi declarado culpable de sedición e de conspiración en aplicación da Lei Especial de Seguridade Pública de Chhattisgarh de 2005 e da Lei de Prevención de Actividades Ilegais de 2004.
O doutor Sen, que estaba en liberdade baixo fianza dende maio de 2009, foi detido en canto se fixo pública a sentenza.
"O doutor Sen, a quen Amnistía Internacional considera preso de conciencia, foi declarado culpable en aplicación dunhas leis intolerablemente imprecisas e que incumpren as normas internacionais sobre axuizamento penal -afirmou Sam Zarifi-. En lugar de perseguir ao doutor Sen, as autoridades de Chhattisgarh deberían actuar para protexer os habitantes da rexión dos abusos que cometen.... as forzas de seguridade estatais e as milicias. "
"Esta condena intimidará seriamente outras persoas que defenden os dereitos humanos e que darían unha saída pacífica ás reclamacións da poboación, especialmente ás dos indíxenas adivasis", engadiu Zarifi.
O goberno central da India recoñeceu que o crecente conflito armado cos maoístas na rexión central do país é consecuencia das graves desigualdades existentes e dun historial de violacións de dereitos humanos na zona. Amnistía Internacional cre que os cargos formulados contra o doutor Sen carecen de fundamento e teñen motivación política.
O doutor Binayak Sen é un pioneiro da atención para a saúde a comunidades marxinadas e indíxenas de Chhattisgarh, onde a policía estatal e maoístas armados levan enfrontándose sete anos. O doutor Sen denunciou homicidios ilexítimos de adivasis (indíxenas) ás mans da policía e de Salwa Judum, unha milicia privada que moitos cren que está patrocinada polas autoridades estatais para combater os maoístas armados.
O doutor Binayak Sen estivo recluído sete meses sen cargos. Denegóuselle a liberdade baixo fianza e sometéuselle a réxime de illamento tres semanas. Moitos dos cargos formulados contra el baséanse en leis que infrinxen as normas internacionais. As reiteradas demoras na celebración do seu xuízo sementaron dúbidas sobre a súa imparcialidade.
Amnistía Internacional pediu en reiteradas ocasións as autoridades indias que retiren inmediatamente todos os cargos formulados contra o doutor Binayak Sen.
No hay comentarios:
Publicar un comentario